Sunday 05 de May de 2024

O Pleno de Brión aproba por unanimidade unha rebaixa do 0,6% na taxa de saneamento e  depuración e a gratuidade da gardería municipal para os segundos e seguintes fillos


Unanimidade na aprobación do Plan Económico Financeiro e en reclamar que se permita aos concellos utilizar os seus remanentes
A unanimidade caracterizou a primeira sesión plenaria presencial en Brión tras a pandemia da Covid-19, pois todos os puntos da orde do día saíron adiante co apoio dos tres grupos municipais: PSOE, PP e BNG. Un pleno que comezou cunha explicación previa do alcalde, José Luís García, polo lume producido no arquivo municipal na tarde de onte.
García volveu aplaudir a “actuación modélica do Grupo de Emerxencias Supramunicipal”, que evitou males maiores. “Tivemos moita sorte porque saltou a alarma interior, non a de fóra, pero como había unha persoa aínda traballando puido descubrir o lume”, explicou o alcalde. Un incendio que afectou a un estante de arquivos con material datado entre os anos 1978 e 1980. Á espera do que diga o seguro, dende o Concello pensan que o lume foi froito dun problema eléctrico.
No que atinxe á sesión plenaria, aprobouse unha minoración do 0,6% das taxas de saneamento e depuración, que se corresponde co 85% do IPC interanual (abril 2019-abril 2020). Así mesmo, actualizáronse nun 0,4% as taxas pola escola infantil municipal (de acordo co IPC interanual de xuño 2019-xuño 2020) e se estableceron bonificacións do 100% para os segundos e posteriores fillos/as das familias. Isto supón a gratuidade para os segundos e demais nenos/as, tal e como se aprobou tamén nas garderías dependentes da Xunta.
Plan Económico Financeiro
O Pleno aprobou tamén o Plan Económico Financeiro do Concello de Brión para os anos 2020 e 2021. José Luís García explicou que “en 2019 superamos a Regra de Gasto en 350.000 euros, debido a que foi unha partida que non se gastara en 2018 e a que executamos o 96% do orzamento de 2019”. Por iso, indicou que “o Plan non recolle subidas de impostos nin nada semellante. Dito doutra maneira, recolle que prometemos ser bos e cumprir a regra de gasto, cando o que se debería facer é facerlle caso á Federación Española de Municipios e
Provincias e deixar aos Concellos gastar os cartos que temos no remanente e crear riqueza naqueles concellos que podemos facelo”. No caso de Brión, o remanente de Tesourería para Gastos Xerais ascende a 4.615.000 euros.
Dende o BNG entenderon a obriga de facer o Plan Económico Financeiro e “esperamos que politicamente se tomen as decisións necesarias para que cartos que son nosos, do remanente, poidamos dispoñer deles”, apuntou Xosé Luís Penas.

POS Adicional
O Pleno tamén aprobou o Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, elaborado polo SEAGA e despois de que a Xunta de Galicia recomendara rexeitar a alegación presentada polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia. Así mesmo, deuse conta no pleno de que o período medio de pago no primeiro trimestre foi de 17,19 días.
Finalmente, o Pleno ratificou a participación do Concello de Brión no POS Adicional da Deputación da Coruña. Así, os 39.772,46 euros do POS+ Adicional 1/2020 se destinaron a gastos sociais extraordinarios motivados pola Covid-19 (case o 50% para o reforzo do servizo de atención no fogar). Pola súa banda, dos 149.146,74 euros do POS+ Adicional 2/2020, un total de 146.774,9 euros serán destinados ao mantemento e mellora das redes de abastecemento e saneamento de Chave da Ponte, rúa Gondar, Cabanas-Saíme, Bastavaliños, Soutullos e Bemil; mentres que os 2.371,84 euros restantes destinaranse a gasto corrente.